1893-xardin-comedor-parque_pasatiempo
1893-xardin-calle_emperadores-parque_pasatiempo
1893-xardin-dormitorio-parque_pasatiempo

Xardíns Parque do Pasatempo

A finais do século XIX os irmáns García Naveira, Juan e Jesús, regresan a Betanzos. En 1893 comezan a dar forma a un proxecto persoal, a súa horta, o seu Pasatempo. Son os inicios dun espazo no que se permitirá crear un lugar imaxinado, ao que tamén trasladarán os seus ideais. A data de finalización non está clara pero ca morte do último dos dous irmáns, en 1933, o Pasatempo comeza o seu declive. O Parque foi autofinanciado e non existiu un proxecto inicial nin unha única obra que planificase o deseño e construción do parque enteiro. Foi unha sucesión de numerosas intervencións as que conformaron o Pasatempo; moitas pezas foron extraidas dos catálogos de fundición franceses e reproducidas con pezas de formigón co novidoso cemento Portland. 

Nesta ficha centramos a atención nos xardíns e nas zonas verdes do Parque. Compartimos unha serie de postais da época na que se mostran o “Jardín-Comedor”, o “Jardín-Dormitorio” e a “Calle de los Emperadores Romanos”. O xardín-dormitorio, o xardín comedor e o xardín salón eran tres espazos, no que a vexetación foi modeada polo equipo de xardinería aplicado a técnica da topiaria. Esta é unha das zonas menos coñecidas e documentadas. Na postal do xardín dormitorio hai un par de camas e dous bustos, o de don Juan, á dereita, e o da súa muller, María Iribarne Lascort, á esquerda. Vemos tamén unha “chaise longue” e, detrás, unha especie de armario. Na imaxe do xardín comedor temos unha composición simétrica, con varias cadeiras ao redor dunha mesa central. Aparecen tamén dous bustos, nesta ocasión o do irmán Jesús García Naveira, á dereita, e o da filla Águeda García Iribarne, á esquerda. Estes xardíns estaban rodeados de árbores e estruturas de arcos polos que trepaba a vexetación, creando paseos cubertos no entorno dun invernadoiro e de localizacións coma o Estanque dos Papas, ca representación dos 257 xerarcas romanos, ou a Estatua da Caridade, unha transmutación do cadro de Gaspar de Crayer no que para o caso betanceiro a Caridade estaba realizando unha chamada telefónica.

Créditos:

Juan e Jesús García Naveira (promotores do proxecto)

1893-xardin-comedor-parque_pasatiempo

Relacionados - Arquivo do deseño

Relacionados - Recursos