Lancha de motonáutica SE-329
- Formato/tipoloxía:
- Dimensións:
- 4 m (eslora) x 1,5 m (manga) x 0,7 m (puntal)
- Produción:
- Francisco Maneiros Villaverde
Lancha de motonáutica modelo SE-329 deseñada por Francisco Maneiros nos anos 70. A estrutura interior é de madeira. O casco vai recuberto en madeira fenólica, fixada á estrutura con parafusos de latón, e a carena e a quilla van reforzadas con fibra de vidro. A zona do motor tamén se reforzou para soportar o peso do propio mecanismo e as forzas de propulsión que xenera. Para mellorar a aerodinámica, a parte superior da proa e os bordos da cuberta son curvados, mentres que o fondo da lancha en “V” vai garantir unha maior velocidade, ademais de mellorar a súa sustentación cando alcanza a velocidade de planeo. A forma de “V” corta as ondas, ofrecendo unha navegación máis fluida a alta velocidade e en augas con algo de ondulación. Neste caso, ademais, é graduada, suavizandose cara a popa para buscar maior estabilidade e eficiencia, reducindo a resistencia. Outra das características desta embarcación é o seu francobordo mínimo, que axuda a reducir o peso e resistencia ao vento durante a navegación. Con obxecto de reducir ao máximo o peso da embarcación, o asento do piloto está alixeirado e construído en fibra. A lancha leva un depósito de gasolina de deseño personalizado para conter o combustible necesario para a carreira. Así, a SE-329 de Maneiros, que ía dotada cun motor Mercury 50 HP de 850 cc e dous tempos, e cunha hélice de 2 pas, podía alcanzar velocidades máximas en tramos rectos de 100 km/h.
A motonáutica é unha disciplina da familia de deportes de competición a motor, neste caso, carreiras de lanchas motoras. Requiren unha gran habilidade do piloto para trazar as curvas pechadas a alta velocidade e adiantar a outros competidores. Francisco Maneiros logrou varios trofeos coas lanchas que el mesmo deseñou, chegando a ser subcampeón de España.
- Fonte:
-
Colección privada. Familia Maneiros. Ferrol
- Dereitos:
-
Familia Maneiros. Arquivo persoal
Relacionados - Arquivo do deseño
Somerxible Sanjurjo
Abrelatas “El explorador español”
Lapis Johann Sindel