Cadernos caligráficos
- Formato/tipoloxía:
Jesús Pérez Ferreiro foi mestre na Escola de Artes e Oficios de Santiago de Compostela, impartiu clases de Gramática Castelá e Caligrafía entre 1930 e 1938. Materia que incluía escritura ditada, redacción con análise gramatical e exercicios para perfeccionar a letra escrita e a ortografía. A “Colección de gráficos” que compartimos aquí parecen ser anteriores a esa etapa, xa que, segundo indican os propios cadernos, Jesús impartía clase de Caligrafía na Escola Normal de Mestres de Santiago e nunha das páxinas podemos ler 1919. Aínda que non hai indicacións directas de que ese sexa o ano de edición, todo parece indicar que a referencia temporal é boa.
O caderno incluía explicacións para aprender a escribir con distintos estilos caligráficos: letra española (vertical e inclinada), letra redonda, letra inglesa, letra gótica inglesa e letra gótica alemá con capitulares ornamentais. Xabier Macías, bisneto do autor, conserva unha vintena destes cadernos. É moi probable que fosen utilizados polo alumnado como guía nas súas clases, aínda que tamén poderían ser probas de impresión. Segundo se indica na portada, as mostras do caderno irían acompañadas de papel pautado, tamén obra de Jesús Pérez Ferreiro. As pautas son un conxunto de liñas paralelas adaptadas a cada tipo de escritura, cun ángulo e unha separación determinadas.
As dúas primeiras páxinas e as dúas últimas inclúen unha explicación para axudar a entender os contidos do caderno e 16 leccións para a práctica caligráfica. A portada do caderno “Prácticas de Caligrafía” é unha composición con letras debuxadas polo propio Jesús, que presenta letras encaixadas, elementos figurativos e formas decorativas. Destacamos o que parece ser a representación do sepulcro do Apóstolo —dentro da letra A— cunha estrela que atravesa a barra horizontal da letra.
As pezas gravadas para reprodución ían colocadas sobre un taco de madeira, no que se pode ler “CLICHES FURNELLS BARCELONA”. Tanto na cuberta, como nalgunha das páxinas interiores podemos ler que a execución da composición orixinal é obra de Jesús Pérez Ferreiro e a reprodución foi feita coa técnica do fotogravado.
- Fonte:
-
Xabier Macías Virgós
- Dereitos:
-
CC BY-SA 4.0
Fotografía: Luis Díaz Díaz para AR\DE
Relacionados - Arquivo do deseño
Periódico “El Circulador”
Periódico “Semanario Instructivo”
Catálogo ilustrado “Artículos para fotografía. Papelería de Ferrer”