Cartel “Mulleres, quen nos defenderá dos nosos defensores!”
- Formato/tipoloxía
- Dimensións
- 89 x 60 cm
- Temática
- Activismo social e cultural
8 de marzo. Tribunal contra a violencia sexual e marcha de mulleres.
En 1988, dous homes de Redondela violaron unha muller á que coñeceran nunha discoteca de Vigo. A muller subiu con eles a unha furgoneta, onde foi agredida sexualmente, e posteriormente abandonada nun monte. Na sentenza, o xuíz considerou que ela, por estar casada —aínda que separada—, tiña experiencia sexual, polo que estaba “en disposición de ser usada sexualmente”. Non foi ata 1989 cando a violación deixou de ser considerada un delito contra o honor para pasar a tipificarse como un atentado contra a liberdade sexual. Esta e outras sentenzas da época provocaron o rexeitamento do Movemento Feminista e un profundo sentimento de desamparo entre as mulleres fronte á lei e aos seus supostos defensores.
Nese mesmo ano incorporeime a traballar no estudo de Alberte Permuy. Aínda que os carteis do Movemento Feminista non se realizan no estudo do meu irmán, recorro a diversas referencias ás que teño acceso nese contexto, como o libro “A figura humana en movemento”, de Eadweard Muybridge. A partir de fotocopias e Letraset elaboro este cartel con varias figuras, recorrendo ao efecto de filme para crear dinamismo e expresar rebeldía. A muller lanza pelotas ou pedras como xesto de repulsa fronte aos tribunais machistas.
O cartel divídese en dúas partes en branco e negro, logrando un forte impacto por contraste. A figura central, destacada a modo de instantánea, é unha muller vestida de negro que tamén lanza unha pedra. O texto inferior, en forma de columna centrada, anuncia o “TRIBUNAL contra a violencia sexual” e a “MARCHA DE MULLERES”. O encadre e a disposición do texto expresan a vontade de rachar coa orde establecida. Esta idea vese reforzada polas pinceladas, un recurso gráfico expresivo recorrente na miña obra nese período.
Texto de Uqui Permui
- Créditos
-
Movimento Feminista Galego (promotora)
- Fonte
- Dereitos
-
© Uqui Permui
Relacionados - Arquivo do deseño
Cabeceiras “Andaina. Revista do movemento feminista galego” (primeira época)
Cartel “Fai falta outra lei de aborto libre...”
Logotipo Noroeste Cargo