1893-enreixado-pasatempo-entrada
1893-enreixado-pasatempo-estanque
1893-enreixado-pasatempo-escaleiras

Enreixado e varandas Parque do Pasatempo

Material:
Ferro

A finais do século XIX os irmáns García Naveira, Juan e Jesús, regresan a Betanzos. En 1893 comezan a dar forma a un proxecto persoal, a súa horta, o seu Pasatempo. Son os inicios dun espazo no que se permitirá crear un lugar imaxinado, ao que tamén trasladarán os seus ideais. A data de finalización non está clara pero ca morte do último dos dous irmáns, en 1933, o Pasatempo comeza o seu declive. O Parque foi autofinanciado e non existiu un proxecto inicial nin unha única obra que planificase o deseño e construción do parque enteiro. Foi unha sucesión de numerosas intervencións as que conformaron o Pasatempo; moitas pezas foron extraidas dos catálogos de fundición franceses e reproducidas con pezas de formigón co novidoso cemento Portland. 


O parque, dividido en distintas áreas, presentaba numerosas estruturas de peche e protección para salvar desniveis. Entre estes elementos atopamos pezas de carpintería metálica como o enreixado de peche ou as varandas en escaleiras e zonas elevadas, de deseño inspirado en modelos dos catálogos franceses de fundición. Na parte baixa —xa desaparecida— o parque estaba pechado cun fermoso enreixado metálico. Era un enreixado versallesco de ferro forxado, colocado sobre un muro de pouco máis de un metro de altura e uns 50–60 centímetros de grosor. Polas fotos que se conservan, podemos saber que existiron cando menos tres modelos de enreixado. É moi posible que a compra de terreos anexos e a ampliación do parque obrigase a modificar o peche e engadir novos tramos de enreixado cun deseño diferente. Nas imaxes vemos o enreixado na entrada principal e na Avenida dos Emperadores Romanos.


Destacamos tamén a varanda que rodeaba o “Estanque del Retiro”, con formas novamente inspiradas en modelos dos catálogos franceses de fundición, que parece mesturar elementos das columnas clásicas coa xeometría do art-decó. Esta varanda tamén se utilizou na ponte que da acceso ao pasadizo e nas escaleiras que baixan ata o estanque.

Créditos:

Juan e Jesús García Naveira (promotores do proxecto)

1893-enreixado-pasatempo-entrada

Relacionados - Arquivo do deseño

Relacionados - Recursos