Libro “Ostalgia”
- Dimensións
- 19,1 x 26 cm
“Ostalgia” foi un dos primeiros libros publicados por Fabulatorio, a firma editorial de Cibrán Rico e Suso Vázquez (desescribir). Fabulatorio é unha editora independente enfocada en contidos de cultura visual, fotografía, arte, deseño e arquitectura. Neste proxecto falamos dun fotolibro, que contou cunha tirada limitada de 200 exemplares. Nel a rumana Simona Rota recompila unha serie fotográfica documental, froito dun traballo para o Architekturzentrum de Viena. O proxecto “Soviet Modernism” consistía en localizar, rescatar e estudar os arquivos relacionados coa arquitectura promovida pola antiga Unión Soviética desde 1960 a 1990. A serie preséntase como un catálogo subxectivo de edificios monumentais que, construídos para seren iconas do triunfo e do progreso, foron cómplices da propaganda política dun réxime totalitario. Os textos, escritos pola propia autora e Teodor Kurz, figuran en tres idiomas: inglés, castelán e galego.
O deseño parte dunha maqueta básica e sinxela, que escapa de elementos superfluos para xogar coa tensión dos espazos en branco e as marxes reducidas. A cuberta, de coiro negro reciclado, funciona como a pel do libro, protectora dun contido impreso en rotativa en papel prensa de escasa gramaxe (60 g/m² nas follas brancas e 45 g/m² nas cor salmón). Sobre o negro, en vermello, lemos o título e o nome da autora, estampados a modo de selo. Observamos tamén un xogo co fío que cose a tripa, vermello polo centro, vai cambiando a negro e gris segundo pasamos as páxinas. A gama cromática de materiais e elementos impresos encaixa na propia serie fotográfica, na que predomina cores constructivas: grises e roxos. Un vibrante vermello impacta nada máis abrir o libro.
As fotografías aparecen, na maioría dos casos, compostas con marxes estreitas e regulares nos catro lados da páxina; outras, as menos, van a páxina completa, impresas ata o borde. A composición dos textos, aliñados á esquerda, xoga con marxes máis amplas, deixando un espazo xeneroso á dereita. Os brancos —o papel— teñen tamén importancia visual, creando un contexto neutral para as fotografías, moitas ocupan menos de media páxina e van posicionadas na parte superior. Os bloques de texto e os pés de foto van compostos cunha tipografía grotesca, en concreto a Monotype Grotesk. Mentres, os títulos, en maiúsculas, usan unha tipografía condensada e sen remates.
O libro recibiu numerosos premios e recoñecemento internacional, entre eles, o premio PHotoEspaña 2014 ao Mellor libro de fotografía na categoría nacional e o premio ao deseño e dirección de arte dos D&AD (Londres, 2014). Foi tamén seleccionado polo International Center of Photography de Nova York como un dos dez mellores libros dese ano .
- Créditos
-
Simona Rota (fotografía)
Simona Rota e Teodor Kurz (textos)
Fabulatorio (edición)
Galicia Editorial (impresión)
Legatoria (encadernación) - Fonte
- Dereitos
-
Imaxes CC BY-NC-ND 2.0
Relacionados - Arquivo do deseño
Cartel V Premio de Arquitectura Ascensores Enor
Cuberta “Estampas Compostelanas”
Cuberta “La tragedia del Caballero de Santiago”