Cartel V Premio de Arquitectura Ascensores Enor
- Formato/tipoloxía
- Dimensións
- 50×70 cm
Os Premios Enor naceron en 2005 como un recoñecemento da empresa de ascensores Enor —con sede en Vigo— ao mundo da arquitectura. Ao longo dos anos, foi recollendo na súa plataforma algúns dos proxectos máis relevantes desenvolvidos na Península Ibérica. Na súa quinta edición, en 2010, o estudio desescribir recibe a encomenda de deseñar a gráfica para o certame. O cartel, como peza significativa en calquera campaña de comunicación publicitaria, dá as claves para entender a linguaxe visual desenvolvida por Suso Vázquez e Cibrán Rico para esta convocatoria.
A xeometría adopta un papel protagonista no deseño, cun pentágono no centro da composición. A figura aparece como un espazo baleiro, delimitada por triángulos irregulares de cor intensa e vibrante. O cartel utiliza o azul, o verde e o amarelo. A estrutura de formas xeométricas funciona como unha única unidade a través da cor, que percorre o papel verticalmente cun degradado lineal que desaparece por momentos.
A propia escolla do papel ten aquí tamén un significado importante: a transparencia causada polo seu escaso grosor, 50 g/m², permite desenvolver o concepto de cartel a dúas caras, incorporando a versión en castelán e a versión en portugués nunha mesma peza. A campaña gráfica incluíu tamén a impresión dun políptico, unha invitación e o libro dos Premios. Pezas na que tamén se utilizou a transparencia do papel para xogar coas cores, as xeometrías e os espazos baleiros.
O proceso de produción e impresión convértese unha vez máis nunha seña de identidade dos deseños do estudio desescribir, que explora e potencia as súas posibilidades nos seus proxectos.
- Créditos
-
Ascensores Enor (cliente)
Gráficas Brial (impresión)
- Fonte
- Dereitos
-
Imaxes CC BY-NC-ND 2.0
Relacionados - Arquivo do deseño
Cartel de Baiona
Cartel “Barcelona 92”
Carteis Turgalicia