Revista Tintinmán n.0
- Dimensións:
- 40,7 x 30 cm
En lugar de “coller o tranquillo”, no Vigo dos anos oitenta comeza a dicirse “coller o tintimán”. Desde o primeiro momento, a revista Tintinmán declara as súas intencións de ruptura e actualidade: “Atrás queremos deixar, subidos no tranvía do progreso e mirando cara ao futuro, os retrógrados e os fósiles inútiles que se negan a ocupar os seus verdadeiros aposentos”.
A revista, publicada entre 1984 e 1986, foi dirixida por Xavier Moreda e tivo como foco principal a Movida viguesa. Incluíu artigos sobre arquitectura, pintura, teatro, banda deseñada, cine e moda, e completou os seus contidos con colaboracións de personalidades como Xosé Luís Méndez Ferrín, Víctor Freixanes ou Antón Reixa.
Na coidada edición en folio maior do número 0, cunha característica sobrecuberta de plástico transparente que continuaría ata o número 5, a portada manifesta o carácter urbano de Tintinmán e funciona como unha declaración de intencións: unha aposta pola mestura de linguaxes e por unha identidade gráfica libre e experimental, representativa da efervescencia cultural da cidade olívica na década de 1980.
A revista recibiu o Premio de Comunicación de Radio Nacional de España, a través de Radio 1, “polo seu deseño avanzado e por ser un medio que se ocupa dos movementos culturais en Galicia”.
- Fonte:
- Dereitos:
-
Imaxe © Fundación DIDAC
Relacionados - Arquivo do deseño
Portada revista “Alfar”
Cabeceiras “Andaina. Revista do movemento feminista galego” (primeira época)
Portada Partitura “Cantares Gallegos”