1960-Botella_Mondariz-Autoría_Descoñecida

Botella de auga Mondariz

Formato/tipoloxía
Dimensións
8,7 x 32,4 cm

A botella de auga de Mondariz é un recipiente dun litro de cristal verde escuro (cor que protexe da luz as propiedades das augas mineromedicinais) cunha etiqueta protagonizada por unha personaxe que leva entre os seus brazos unha botella idéntica á botella en si. 

Desde 1877 as augas do balneario de Mondariz foron envasadas para exportación, e o balneario foi adquirindo fama como un dos centros de augas mineromedicinais referentes na península, ao mesmo tempo que chega a consolidarse como centro de actividade cultural: Antonio Palacios e Jenaro de la Fuente traballaron nos seus edificios, Castelao e Lloréns decoraron os seus salóns, Imeldo Corral e Ksado realizaron exposicións das súas obras, e entre os seus visitantes figuraron Pardo Bazán, Fernández Flórez ou Murguía. 

O deseño da etiqueta percorre varias mans. O primeiro distintivo, nos anos dez, era un gravado do artista burgalés Arija coas iniciais HP de “Hijos de Peinador” e rodeada da lenda “Aguas de Mondariz” en tipografía modernista. Máis tarde, Castelao crea un deseño cun home axeonllado suxeitando a botella en alto. En 1925 Cándido Fernández Mazas propón unha moza en traxe autóctono, en liña co rexionalismo dominante. 

A finais da década de 1920 consolídase o deseño que perdurou ata hoxe: un home vestido ao xeito goyesco nunha postura dinámica, que rodea cos brazos unha botella de tamaño case humano, que á súa vez contén a etiqueta coa mesma figura. Esta composición de carácter lúdico fai da botella o elemento central da escena. As campañas publicitarias nas que a botella era protagonista axudaron a establecer a botella de Mondariz como un dos obxectos de deseño industrial e gráfico máis recoñecibles da cultura galega.

1960-Botella_Mondariz-Autoría_Descoñecida

Relacionados - Arquivo do deseño

Relacionados - Recursos