Caixa lámpadas Yria
- Formato/tipoloxía:
- Dimensións:
- 11 x 6 cm / 11 x 3.5 cm
A fábrica de lámpadas IRIA, S.A. xorde por iniciativa de Estanislao Tanis Pérez Artime (Padrón, 1881–Vilagarcía de Arousa, 1945). O empresario, coñecido como Tanis de la Riva, que tamén desenvolveu carreira política na Deputación Provincial da Coruña, mercara a patente española de fabricación a Magdalena Salas en 1927, mais non foi até 1929 que constituíu a sociedade xunto con outros accionistas no lugar de Iria, número 1. A marca quedou rexistrada tamén con “y” coa idea de comercializar o produto no estranxeiro, empregando indistintamente as dúas grafías nas publicidades das primeiras décadas.
Logo de fallas e defectos en lotes de fabricación iniciais, contratouse ao enxeñeiro Karl Feutcher para optimizar as instalacións e os procesos de traballo. A fábrica, cun persoal formado principalmente por mulleres pola minuciosidade requirida no manipulado, incluían produción de casquetes e forno de vidro. As melloras introducidas polo alemán permitiron chegar a uns estándares de calidade que desencadearon unha importante competencia no mercado español. Durante a Guerra Civil, IRIA viuse favorecida polas lindes comerciais establecidas entre os bandos.
A dirección, que sempre prestou atención á imaxe e á faceta comercial do negocio, investiu en publicidade en prensa con renomeados ilustradores da época, creou orixinais montaxes para feiras e exposicións e incluso encargou unha peza filmada con imaxes da fábrica en plena produción que se exhibiu en cines de todo o estado. Chegou a contar cun secante publicitario como agasallo de empresa producido por Cerámica Celta de Pontecesures, coa que xestionaba os restos das lámpadas para o seu uso no proceso de vidrado de pezas, ou selos promocionais.
A mediados dos anos corenta co relevo xeracional da empresa, deseñouse a imaxe gráfica que hoxe coñecemos, reflexo dunha continuada aposta pola innovación e modernidade da que seguiu a dar conta introducindo a partir dos anos 50 a fabricación de fluorescentes, VARILUX, ou máis adiante faros OPALUX e RÉFLEX. Esta identidade deixa atrás a Cruz de Santiago e a letra manuscrita coa que se tiñan representado no pasado, amais doutros monumentos locais, en favor dunha síntese do raio como símbolo da electricidade para acompañar unha tipografía limpa e clara.
A embalaxe das bombillas, realizada cun patrón de motivos continuos impresos a dúas tintas sobre cartón ondulado branco, envólveas a modo de faixa. Este formato, empregado tamén por outras marcas do sector, servía para lámpadas de distintas tipoloxías sen necesidade de adaptacións. Tanto a estética plana da ilustración, como o emprego dunha gama cromática contrastada e restrinxida (vermello e azul escuro) ou a composición dos elementos en secuencia repetida, outorgaba ao deseño o atractivo dos envoltorios que nestes anos influíron o movemento artístico do Pop-Art.
A empresa, que deixou de ser rendible polo aumento da competencia e outros factores económicos, pechou as súas portas a mediados dos anos 70, quedando no lugar vestixios doutrora como a cheminea industrial.
- Créditos:
-
IRIA, S.A. (fabricante)
- Fonte:
-
CC BY-SA 4.0
Fotografía: Luis Díaz Díaz para AR\DE - Dereitos:
-
Texto: Buxa. Asociación Galega de Patrimonio Industrial / D. Seijas Llerena
Pezas: Colección Bragaña-Boo
Relacionados - Arquivo do deseño
Portada revista “Luz”
Portada “Os nosos cantos”
Cartel 1ª Feria de Muestras Regional Gallega de Santiago