Cartel "Crebinsky"

Formato/tipoloxía
Dimensións
100 x 70 cm
Temática
Cine

En 2011 estréase Crebinsky, un filme dirixido por Enrique Otero, coescrito con Miguel de Lira, que deriva dunha curtametraxe previa que realizaran con estética de cinema mudo. A sinopse desta comedia con tintes de realismo máxico e ambientada na Costa da Morte, desenvólvese no tempo da Segunda Guerra Mundial e narra a historia de dous irmáns de nai galega e pai ruso, Feodor e Mijail Crebinsky, que son arrastrados por unha riada xunto coa súa vaca Muchka até o pé dun faro. Alí farán vida coas singulares crebas que lles trae o mar até que a desaparición do animal provoca unha desesperada busca que se entrecruza co contexto bélico.

Con esta premisa Pancho Lapeña conceptualiza e deseña a silueta da memorable «vaca-submarino» e a composición tipográfica do título que loce na cartelería e nos elementos promocionais do filme. A gráfica principal é un cartel minimalista de grande forza visual, cunha paleta cromática reducida e contrastada (laranxa e branco sobre fondo negro), figuras planas e uso de tipografías xeométricas propia da estética soviética. O trazado dos caracteres, con letras viradas, evoca o alfabeto cirílico. Esta mesma composición empregouse no deseño da carátula do disco compacto da banda sonora do filme, interpretado pola Banda Crebinsky, formación de oito músicos dirixidos polo bielorruso Yukhnevich Vadim e Pablo Pérez. Para a promoción do filme deseñouse un segundo cartel que, como ven sendo habitual no márquetin de cinema, emprega unha fotografía de rodaxe dos protagonistas co mesmo tratamento tipográfico no título, que agora se sitúa no terzo inferior no mesmo laranxa intenso que antes daba cor á «vaca-submarino», deixando o branco para os créditos. 

O filme financiado polas produtoras galegas Control Z, Chévere Visión e Zirconcine, contou no elenco con Luis Tosar, Miguel de Lira, Sergio Zearreta e Celso Bugallo, e acadou nominacións e galardóns nos Premios Mestre Mateo e os festivais de cinema de Málaga, Oxaca, Toulouse e Annonay. 

Créditos

Pancho Lapeña (autor), Enrique Otero (director do filme), Control Z, Chévere Visión e Zirconcine (produtoras do filme)

Fonte

Pancho Lapeña 

Dereitos

© Pancho Lapeña 

crebinsky1

Relacionados - Arquivo do deseño

Relacionados - Recursos