1985-cartel_aborto_libre

Cartel “Fai falta outra lei de aborto libre...”

Formato/tipoloxía
Dimensións
100 x 65 cm

Entre 1981 e 1990 intensifícanse as mobilizacións a favor do aborto, iniciadas xa na década anterior. En 1982, coa vitoria do PSOE en España, ábrense maiores expectativas, mais cómpre agardar aínda tres anos para a aprobación da primeira lei do aborto. O 5 de xullo de 1985 apróbase a Lei orgánica 9/1985, de despenalización do aborto en determinados supostos, unha norma considerada claramente insuficiente polo Movemento Feminista Galego, que reclamaba outra lei que contemplase o aborto libre e gratuíto na sanidade pública e que tivese en conta a decisión da muller. Estes eran algúns dos berros e reclamacións que se escoitaban nas manifestacións. Nese contexto, varios médicos e médicas son detidos por practicar abortos e clausúranse centros de planificación e clínicas en Sevilla, Valencia e noutras partes do Estado. Todas estas agresións provocan un amplo rexeitamento social e dan lugar a diferentes accións de protesta, como as autoinculpacións colectivas —“Todas as que aquí estamos, temos abortado”—, chegando mesmo a desafiar a lei mediante a práctica de abortos voluntarios por parte do propio movemento, que eran comunicados á prensa co obxectivo de forzar o Goberno a procesalos: “Estamos facendo abortos”.

Este é o momento histórico no que se elabora o cartel, cun enunciado claro e contundente: “FAI FALTA OUTRA LEI DE ABORTO. LIBRE, GRATUÍTO, NA SANIDADE PÚBLICA”. No deseño empréganse diferentes corpos tipográficos co obxectivo de xerarquizar a mensaxe e priorizar a lectura de “aborto libre”. A peza está realizada con colaxe, Letraset, fotocomposición e tinta; vai impresa a dúas tintas, unha solución frecuente no activismo social debido ás limitacións de recursos. Porén, resulta menos habitual o protagonismo que adquire a tipografía fronte á imaxe, cun tratamento específico baseado na apertura do interletrado para reforzar visualmente a mensaxe. Como consecuencia, a figura feminina —presentada a modo de secuencia cinematográfica, con dous xestos expresivos, de rogo e de fartura— queda visualmente subordinada, aínda que reforzada simbolicamente polo lema “A DECISIÓN DA MULLER”, subliñado cun trazo pictórico que acentúa o seu carácter reivindicativo.

Texto de Uqui Permui

Créditos

Movimento Feminista Galego (promotora)

Dereitos

© Uqui Permui

1985-cartel_aborto_libre

Relacionados - Arquivo do deseño

Relacionados - Recursos