Identidade do SERGAS

Formato/tipoloxía

Da imaxe do SERGAS, organismo creado en 1989, é responsable o estudio compostelán de deseño de Conchita Viñas, logo da súa concorrencia a unha convocatoria pública realizada en 1995. O símbolo, tal e como hoxe se coñece, coa cruz como emblema sanitario e a diagonal en alusión á bandeira galega, foi rexistrado nesa data. Posteriormente desenvolvéronse os distintos manuais de aplicación que detallan minuciosamente todos os seus usos, e que contaron co asesoramento dun grupo de traballo especializado en información e comunicación para a súa elaboración.

Poucas identidades teñen un grao tan alto de implantación nun territorio como a dun servizo de saúde. Son numerosos os elementos de gráfica aplicada que precisa para o seu funcionamento, desde papelería e documentación até rotulación e sinalización, pasando por vestimenta, parque de vehículos ou publicacións. Dos múltiples elementos que se deseñaron destacan os pictogramas creados a partir do sistema estandarizado do AIGA (American Institute of Graphic Arts), coas modificacións necesarias para adaptalos tanto á estética da identidade do SERGAS como á comprensión das iconas no contexto galego (europeo). Tamén se deseñaron outros específicos a partir do elemento orientador principal para ofrecer unha solución visual a requirimientos concretos das contornas sanitarias. Como soporte máis estendido salientamos a tarxeta sanitaria, que comezou a súa implantación tamén en 1995 en substitución das “cartillas” até chegar habitar todos os petos e carteiras. Este foi un elemento importante no proceso de dixitalización do sistema sanitario galego e contou cun desenvolvemento propio.

Os manuais desenvolvidos polo estudio de Conchita Viñas —extensos e detallados— dotaron á identidade do SERGAS de coherencia visual, facilitando a súa asimilación por parte da sociedade galega. O logotipo, en tipografía Futura, sufriu variacións ao longo do tempo. En 2017, ao substituírse o acrónimo pola denominación completa —Servizo Galego de Saúde—, o G perde o trazo diagonal que conectaba coa grafía do símbolo. Trala reformulación da identidade da Xunta de Galicia en 2021, levada a cabo polo estudio coruñés Costa, a marca pasa a integrarse na arquitectura xeral, declinándose co identificador mínimo (símbolo da Xunta) e a tipografía corporativa Xunta Sans.  

Créditos

Conchita Viñas
Servizo Galego de Saúde, Xunta de Galicia

Dereitos

© Conchita Viñas © Xunta de Galicia 

SERGAS_1

Relacionados - Arquivo do deseño

Relacionados - Recursos