“Rosalín” (Rosalía Pop)
- Formato/tipoloxía
Estampado que reproduce o rostro de Rosalía de Castro nun estilo de pop art de inspiración warholiana. O deseño transforma a iconografía clásica da poeta en imaxe da cultura popular mediante o uso de planos de cor plana e saturada sobre fondo negro.
O deseño parte dunha ilustración orixinal na que a figura aparece sobre un fondo verde intenso con pinceladas soltas en amarelo, azul, violeta e negro. Nesta versión, a figura de Rosalía foi concibida explicitamente como un “Rosalín”: unha transposición directa do célebre retrato pop de Marilyn Monroe de Andy Warhol ao universo cultural galego, substituíndo a icona americana pola figura máis emblemática das letras galegas. A versión para camiseta simplificou e condensou esta proposta para adaptala ao soporte téxtil, mantendo os trazos esenciais da iconografía pop.
O propio fundador Pablo Rodríguez identifica a Rosalía Pop como o máis importante dos máis de mil deseños realizados pola marca ao longo de dúas décadas: o único que, ao seu xuízo, “pasou ao imaxinario popular”. Describe así o seu alcance: trátase da Rosalía de cores que se ve nas escolas nas festas literarias, que empregan os concellos, da que se fixeron múltiples versións, e que veu substituír a imaxe en branco e negro ou do billete de 500 pesetas coñecida ata entón. Rodríguez valora que se trate dunha “icona popular: coñecida por moitísima xente, malia que non coñezan de quen vén sendo a autoría”, e que acadar iso “é unha sorte, e un mérito”.
O deseño inscríbese na filosofía fundacional de Rei Zentolo, empresa nacida en 2003 da iniciativa de tres mozos recén saídos da Facultade de Belas Artes de Pontevedra, que atoparon na camiseta o soporte ideal para crear “deseños pop que beben da cultura popular” galega e global.
Dende o punto de vista da historia da iconografía rosaliana, o deseño sitúase na tendencia, consolidada a partir da década de 1990, de modernizar a figura da poeta a través da ilustración gráfica e a banda deseñada. Segundo o investigador Fernando Pereira no seu traballo “Rosalía de Castro: imaxe e realidade” (Edicións Xerais de Galicia), esta iconografía pop ou warholiana foi decisiva para achegar a figura de Rosalía á mocidade, e o propio Pereira cita explicitamente as camisetas de Rei Zentolo como exemplo destacado deste fenómeno.
- Fonte
- Dereitos
Relacionados - Arquivo do deseño
Caixa lámpadas Yria
Cartel de Baiona
Cartel “Barcelona 92”