Símbolos baseados na tipografía Campus incluídos no manual de 2025. Versión de 10 liñas para impresión e de 5 liñas para formato dixital.
i
Padróns creados con caracteres da tipografía Campus e incluídos no manual de 2025.
i

Tipografía corporativa Campus

Formato/tipoloxía

A tipografía Campus foi creada polo estudio Gráfica Design, dirixido por Óscar Germade e Pablo Martín, para a identidade visual da Universidade de Vigo. Baixo a dirección de arte de Óscar Germade, a produción das fontes foi executada polo deseñador Josema Urós. A familia tipográfica incluía dous pesos: Light e Bold. Tanto o novo logotipo, composto coa New Baskerville, como a tipografía xorden dun concurso aberto convocado pola propia universidade no ano 2008. As propostas gañadoras foron á de Gráfica Design e a do enxeñeiro de camiños vigués Alberto Moreno Pike. Pouca información atopamos sobre a proposta de Alberto, máis aló de que creou unha malla de construción coas iniciais da Universidade. Esta malla foi a orixe conceptual da tipografía, deseñada cun trazo de dez liñas paralelas que se entrelazan para conectar as distintas partes dos caracteres. 

En 2018, desenvólvese unha versión simplificada da tipografía: a Campus Simple. Neste novo estilo úsanse cinco liñas máis grosas en lugar de dez, para facilitar o seu uso e renderizado en soportes dixitais e tamaños máis pequenos. Foi creada por Diego Gándara Fernández, integrante da área de Imaxe da Universidade de Vigo nese momento. Coa renovación do portal UVigo.gal, nese mesmo ano, a Campus Simple comezou a utilizarse de maneira sistematizada na páxina web e nas redes sociais.

Máis aló da súa limitada funcionalidade, queda claro que a tipografía Campus serviu como elemento gráfico esencial na configuración da identidade da Universidade de Vigo. Máis de quince anos despois, en 2026, o seu uso segue a estar presente en numerosos elementos impresos e dixitais. En múltiples ocasións a malla que constrúe os caracteres serve tamén para crear tramas e motivos, nos que deixa de ser texto para se converter nunha mera imaxe.

Créditos

Produción da fonte: Josema Urós (Neue)

2009_tipografia_Campus-GraficaDesign-01

Relacionados - Arquivo do deseño

Relacionados - Recursos