Abrelatas “El explorador español”
- Dimensións:
- 3 x 8 cm
- Produción:
- José Valle Armesto, S.A. (Xixón)
- Material:
- Metal
Utensilio composto de dous corpos planos de metal: unha lámina base e unha coitela para abrir as latas. As dúas partes están unidas cunha bisagra e un resorte. Esta pensado para cumprir catro funcións: abrir latas, abrir botellas con tapón de coroa (chapa), perforar envases e desaparafusar. A lámina base inclúe o gravado dun rapaz excursionista nunha paisaxe de montaña, o nome do produto —El EXPLORADOR ESPAÑOL— e as iniciais do seu creador — J V A— dentro dunha roda de engrenaxe. Esta marca, presente nas pezas orixinais dos primeiros anos, foi substituída nos anos 50 pola da fábrica Coelex.
O abrelatas “El explorador español” é considerado un fito do deseño industrial. Foi ideado, fabricado e vendido por José Valle Armesto, un lucense de Vilaseca que se trasladara a Xixón. Pode ser que esta cidade, industrial e porto de mercancías, fora o sitio perfecto para desenvolver a súa invención. Na súa nave, comprada xunto cun socio capitalista, traballaban maioritariamente mulleres e case o 100% do persoal era de orixe galega. Alí fabricaban o seu invento revolucionario. Él mesmo describíao na etiqueta do produto coma “un útil ou dispositivo de sinxela construción e manexo que aínda en contraposición do seu mínimo peso e volume, reúne notables vantaxes por estar estudado especialmente para que poida ter catrro aplicacións diferentes, sendo de extraordinaria utilidade para as amas de casa e tamén para empregalo en viaxes, días de campo, excursións, etcétera”.
O nome do abrelatas fai referencia aos “Boy Scouts”, un movemento que xorde en Inglaterra no ano 1908 e que chegaría a España en 1912.
- Fonte:
-
Colección Bragaña-Boo
- Dereitos:
-
CC BY-NC-ND 3.0 ES
Fotografía: Luis Díaz Díaz para AR\DE
Relacionados - Arquivo do deseño
Cociña económica Malingre TIPO 3, MODELO 1
Bancos Alameda de Santiago
Máquina de coser Refrey CL-306