Cabeceira revista Ronsel
- Formato/tipoloxía:
- Dimensións:
- 28 x 21 cm
Revista de arte editada na imprenta Palacios de Lugo. Os seus seis únicos números viron a luz entre maio e novembro de 1924. Estaba dirixida por Evaristo Correa Calderón e Álvaro Cebreiro, autor da cabeceira e primeira portada. Ángel Juan González López (Ánxel Johán), na xerencia, será quen asine o resto das portadas. Contaba cun amplo equipo de redacción formado por colaboradores galegos, entre os que se atopaban Afonso Daniel R. Castelao, Carlos Sobrino, Manuel Antonio, Luis Pimentel, Viqueira e Bal y Gay.
De coidado deseño e contido seleccionado, nace con vontade de ser unha publicación de calidade e, como o seu nome evoca, deixar rastro. Ademais das ilustracións de artistas como Castro Gil, Sobrino Buhigas, Casares Mosquera, Cunha Barros, Amando Suárez Couto…, inclúe tamén textos críticos literarios e musicais. As súas páxinas prestaron especial atención a creadores lugueses e tamén a autores portugueses como Teixeira de Pascoaes.
No deseño da cabeceira, Cebreiro demostra o seu compromiso coa vangarda cultural galega e a exploración de novos camiños na arte. Presenta o título en caracteres claramente influenciados polas anovadoras correntes artísticas do momento. Dotou de rotundidade ao conxunto con escritura en caixa alta, letras con alto contraste entre os trazos e tendencia á verticalidade, amais de proporcións inusuais —moi propias do art déco—; subscribindo ese espírito rupturista que o levaran xunto co poeta Manuel Antonio a crear no seu día o manifesto «Máis alá!».
A ilustración da cuberta presenta, en trazo groso e suaves curvas, a figura dunha embarcación de vela a unha tinta. Achega harmonía ao conxunto e contrasta co corte máis industrial do tratamento tipográfico. Esta mesma estampa aparecerá como peche, a escala reducida, na contraportada de cada número. Nas páxinas interiores, as cabeceiras de seccións —como a titulada “Crisol”— volven dar conta do estilo vangardista no deseño tipográfico da publicación.
- Créditos:
-
Evaristo Correa Calderón (dirección)
Álvaro Cebreiro (dirección artística)
Ángel Juan González López (xerencia)
Imprenta Palacios, Lugo - Fonte:
-
Orixinal: Real Academia Galega
Dixital: Galiciana, Biblioteca Dixital de Galicia - Dereitos:
Relacionados - Arquivo do deseño
Periódico “El Justiciero”
Símbolo xoiaría Malde
Portada “El Idólatra de Galicia”