En Negro contra as violencias
- Formato/tipoloxía
- Temática
- Activismo social e cultural
O Concello de Santiago encargou a Uqui Permui en 2015 unha acción de sensibilización contra a violencia machista con motivo do 25N, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra a Muller. O resultado foi “Compostela en Negro”, que a partir de 2016 se exportou baixo o nome “En Negro Contra as Violencias” ao conxunto de Galicia, crecendo ata chegar en 2022 a 148 concellos, 235 colectivos, 290 empresas e 72 centros de ensino.
O sistema gráfico artéllase sobre un único signo: un triángulo branco invertido sobre fondo negro. Segundo explica a propia Permui, “construín a gráfica co símbolo xenérico da muller, un triángulo branco que, sobre o fondo negro, se resignifica como coiraza, como espazo reservado para a non violencia”. O triángulo coa punta cara abaixo é un icono lunar pouco coñecido e, polo tanto, non cargado de connotacións que o fixesen rexeitable, o que lle permitiu completar o lema “Contra as violencias” sen necesidade de especificar “de xénero” ou "machistas". A tipografía que o acompaña, Blender, cadrada e robusta, cun expresivo corte engadido por Permui, reforza a contundencia do signo. O negro escolleuse por condensar simultaneamente a dor, o loito, a rexeita e a loita; o triángulo branco, ese territorio conquistado que é preciso ampliar. A economía visual (dous elementos, dúas cores) proporciona impacto visual e facilita a súa apropiación.
Esta facilidade de apropiación foi parte da concepción da campaña, con materiais de código aberto e libre uso descargables por calquera: establecementos, empresas, centros educativos e particulares tinguiron de negro os seus escaparates, perfís dixitais e fachadas. A forza da campaña radicou na capacidade de cada participante para estender a onda.
En 2015 a campaña abriu os telexornais nacionais do 25N. En 2017 eurodeputadas galegas levaron a acción á fachada do Parlamento Europeo en Bruxelas. En 2018 o signo bidimensional materializouse no espazo público co Triángulo Negro, un prisma de grandes dimensións instalado na praza do Obradoiro de Santiago. Desde 2020 a campaña traspasou Galicia e chegou a Morelia (México) e, máis tarde, a La Laguna e Santa Cruz de Tenerife. A campaña xerou ademais o colectivo Gráficas en Negro, que en 2019 asinaron un manifesto de deseñadoras contra as violencias machistas.
Pola campaña, Uqui Permui recibiu o Premio SERenidade da Cadena SER Galicia en 2018 e foi seleccionada como Diseño del Mes por From Spain With Design.
- Créditos
-
Concello de Santiago (promoción)
- Fonte
- Dereitos
Relacionados - Arquivo do deseño
Logotipo COPG
Logotipo Pan da Moa
Cabeceiras “Andaina. Revista do movemento feminista galego” (primeira época)