Identidade Xacobeo 99
- Formato/tipoloxía
A identidade visual do Xacobeo 99 supuxo unha ruptura coa imaxe do primeiro Xacobeo moderno, o Ano Santo 1993, no que a figura do Pelegrín, obra de Luís Carballo, tivo un gran protagonismo. Alberte Permuy e Permuy Asociados propuxeron un cambio de rexistro para dotar o Xacobeo dunha imaxe máis atemporal: abandonaron a ilustración figurativa para asentar a marca no símbolo da vieira.
A forma simplificada da vieira convértese en módulo: a súa repetición xera unha forma que se le simultaneamente como cuncha e como cruz, os dous emblemas históricos do Camiño. A súa simplicidade, xunto cunha paleta en dúas tintas, vermello e gris, permite unha aplicación versátil tanto en comunicación impresa como na sinalética de albergues e infraestruturas do Camiño.
O sistema de aplicación establece que a marca ocupe sempre o ángulo superior esquerdo, ancorada sobre unha banda branca horizontal que percorre toda a cabeceira da peza. Esta banda separa a identidade da imaxe ou contido inferior e mantén a marca lexible con independencia do tema ou cromatismo de cada peza.
A eficacia da solución quedou acreditada polo seu uso continuado: a identidade de Permuy mantívose como base das edicións sucesivas do Xacobeo ata 2010, e en 2021, Uqui Permui partiu do módulo da cuncha para actualizar a marca e adaptala ás novas necesidades da comunicación.
- Fonte
-
Museu del Disseny de Barcelona e colección Uqui Permui
- Dereitos
-
© Alberte Permuy
Relacionados - Arquivo do deseño
Logotipo do Consorcio de Santiago
Logotipo Xunta de Galicia
Colección Arqueoloxía/Memorias