Loxe mareiro
- Formato/tipoloxía
Este proxecto parte da reinterpretación do chiringuito de praia como tipoloxía, incorporando valores como a temporalidade, a improvisación e a polivalencia. O local escollido, unha pequena edificación a pé de praia, acumula unha historia funcional diversa —desde o control do tráfico marítimo ata a carpintaría de ribeira ou o almacenamento de efectos navais— que condiciona e enriquece a proposta de intervención.
A intervención aposta por preservar e poñer en valor o carácter náutico do edificio. O interior resólvese mediante operacións mínimas: encalado dos muros de pedra e da estrutura de madeira vista para optimizar a entrada de luz natural, así como a substitución puntual de elementos deteriorados do pavimento.
O deseño do espazo responde ás limitacións de superficie e á necesidade de transformación continua do local. O mobiliario, concibido como sistema modular, permite múltiples configuracións e fomenta o uso compartido tanto no interior como na terraza. Esta lóxica tradúcese en solucións construtivas sinxelas, baseadas na reutilización e na reciclaxe de materiais: taboleiros de madeira procedentes de encofrados, cadeiras metálicas recuperadas e reacondicionadas e sistemas de unión improvisados con elementos industriais.
Especial relevancia adquire a concepción da cociña, integrada co comedor nun único espazo continuo. A illa central convértese nunha peza híbrida que concentra as funcións de elaboración, presentación e degustación, evocando a orixe do proxecto en Abastos 2.0 e trasladando ese modelo relacional á contorna da ría de Arousa.
- Créditos
-
Iago Pazos (promotor)
- Dereitos
-
Fotografías de Javier Iglesias
© Cenlitros