Colección Peto Xerais

Formato/tipoloxía
Dimensións
17,5 x 11 cm

En 1998, Edicións Xerais lanzou a súa colección Peto, en tapa branda e tamaño reducido, como corresponde á súa denominación, e na liña doutras coleccións semellantes do mercado editorial español coma El libro de bolsillo de Alianza ou os Compactos de Anagrama. Nela foi publicando tanto reedicións coma novidades ao longo de dous anos, cun total de cincuenta números. Grupo Revisión foi o estudo encargado do deseño de todos eles, apoiándose nunha imaxe que funciona como metáfora visual do contido do libro: a pegada dun neumático, o interior dunha boina, unha pataca en forma de corazón... Podemos atopar diferentes técnicas segundo o resultado que se busca. Ás veces úsase a fotografía dun obxecto sobre fondo neutro, noutras un retrato ou grabado tratado en duotono ou posterizado, achegándose a cores saturadas que contrasten co fondo, ás veces simplemente unha icona apenas modificada. Sobre a imaxe superponse unha tipografía de pau seco moi condensada, que ocupa todo o ancho da cuberta e lle confire unidade á colección, ao igual que a pastilla co nome da colección e característico X,  imagotipo da editorial tamén deseñado polo Grupo Revisión en 1989. As subcoleccións (Literaria, Clásicos, Claves, As Literatas, A Debate, Abismos) tamén se sinalan con pequenas variacións da cabeceira dentro da mesma lóxica de manter a unidade dentro da especificidade de cada cuberta. O resultado é unha colección de peto de espíritu contemporáneo, chamativa e directa, que apela á intelixencia do lector.

Créditos

Editorial: Edicións Xerais de Galicia

Peto_Xerais_03

Relacionados - Arquivo do deseño

Relacionados - Recursos