Logotipo Editorial Niké

Formato/tipoloxía

A marca da editorial Niké condensa un dos proxectos culturais máis singulares da Compostela republicana. Arturo Cuadrado e Xoán Xesús González rexentaron desde finais dos anos vinte ata 1936 una pequena libraría con ese nome no número 18 da rúa da Calderería, un local que servía tamén de tertulia e sede editorial. Foron moi poucos os libros saídos deste selo, e só nun deles podemos atopar a devandita marca, concretamente na contracuberta de Viaje y fin de Don Frontán.

A lectura máis probable do símbolo é a da Vitoria de Samotracia, que representa á Niké clásica coma unha figura alada na proa dun barco, e que aparece aquí condensada nunha silueta de aire art decó, de cabelos ondulados, nos que tamén se referencia o mar, e unha á perfectamente integrada como negativo do rostro. A palabra NIKÉ represéntase en maiúsculas moi condensadas para rematar de formar a masa compacta do símbolo. Tanto a forma cadrada, a imperfección dos bordes e os sucos que atravesan a á apuntan ao relevo en madeira ou linóleo.

Aínda que poida atribuirse a algún dos artistas do entorno de Niké, a autoría segue a ser descoñecida. O propio Maside, autor da cuberta de Viaje y fin de Don Frontán, usou o mesmo recurso do acento gráfico en forma de triángulo invertido noutra das súas cubertas publicada nese mesmo ano, a de Por qué me condenaron a muerte (Editorial Zeus, 1930), pero sen máis indicios non se pode afirmar que sexa obra súa.

Créditos

Editorial Niké

Fonte

Biblioteca Universitaria de Santiago de Compostela  

NIKE_01

Relacionados - Arquivo do deseño

Relacionados - Recursos