Símbolo Agrupación Cultural O Galo
- Formato/tipoloxía:
- Temática:
- Activismo social e cultural
A Asociación Cultural O Galo foi a primeira entidade deste tipo que xurdeu na Galiza. En 1961 un grupo de mozos composteláns agrúpanse para promover a cultura galega. Segundo Mario Orxales, un dos fundadores, o nome foi idea de Aurichu Pereira (1940-2023) pintora e activista compostelá, e o deseño do símbolo recaeu en Ventura Cores (1931–2015), outro daqueles mozos promotores da entidade. A nova asociación estreouse aquel mesmo ano de 1961 coa exposición “20 pintores galegos”, celebrada no Hostal dos Reis Católicos, foi a primeira mostra da posguerra que pretendía implicitamente unha afirmación da soberanía estética no país.
Así lle conta Salvador García-Bodaño ao historiador Ricardo Gurriarán: “ ‘O Galo nacera dentro desa cultura mortecina de finais dos 50 en Compostela’. O poeta sinala como as primeiras xuntazas na súa casa ‘pretendían cambiar a dinámica dentro dos estreitos cauces da censura na época’. Pero a clave estaba no estilo propio, no que esta xeración quería representar. ‘Queriamos levar o galeguismo á rúa e sacalo dos despachos’, sinala García Bodaño en clara referencia á Xeración Galaxia e ao piñeirismo”.
Orxales apunta tamén que o símbolo gráfico, que deseña Cores para O Galo inspirouse nos característicos galos que nos anos cincuenta pintaba o español José Caballero (1916–1991), que nesa época practicaba unha figuración entre o expresionismo, o surrealismo e mesmo o cubismo. Os galos esfarrapados, sempre cun canto desgarrador, trazados cunha violencia próxima á ‘pintura de acción’ foron a súa marca recoñecíbel, metáfora daquela alborada de liberdade que non daba chegado, e que resultaba moi acaída para a longa noite de pedra que vivía a Galiza, baixo a bota de Franco.
Pero, como apuntaba Gurriarán, “a clave estaba no estilo propio” que a nova xeración quería marcar. Esa foi a tarefa, o relato, que o símbolo gráfico da nova entidade debía encarnar e que Ventura Cores soubo concretar. Velaí, nas imaxes de Caballero que reproducimos, a inspiración que Ventura Cores leva á linguaxe do deseño: a necesaria concisión no debuxo e o escueto negro sobre branco. O tema, a situación cultural e a arela de liberdade, pedían beber máis do expresionismo, que da gráfica xeométrica racionalista que se imporá no deseño internacional durante os anos setenta e que o propio Ventura vai practicar.
Cores creou entón un icono recoñecíbel, aínda existente na actualidade como símbolo de identidade, con potencia de abondo para facerse notar e lembrar que, sempre e máis despois, a cultura galega agarda por “un canto na noite”.
Texto de Pepe Barro
- Fonte:
-
A. C. O Galo e Pepe Barro
- Dereitos:
-
© Ventura Cores e A. C. O Galo
Relacionados - Arquivo do deseño
Portada disco N.H.U.
Rótulo Cafetería Gaiola
Símbolo xoiaría Malde